XEOLOXÍA

 


    Información extraída do Informe naturalístico do Documento de aprobación inicial de Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de A Fonsagrada (Lugo) Febreiro 2005 realizado por Carlos Vales (coordinador), Manuel A. Rodríguez Guitián (vexetación e áreas de interese natural) e Javier Ferreiro (áreas de interese natural).


    Ao igual que o resto de Galicia, o concello de Fonsagrada, forma parte do Macizo Hespérico, unha formación xeolóxica moi antiga, formada durante a oroxenia hercínica, no Paleozoico Superior, hai centos de millóns de anos, que constitue o zócalo xeolóxico de todo o norte e o occidente ibéricos e que se continua por boa parte de Europa. A Fonsagrada está instalada, dentro da cordilleira hercínica, na chamada Zona Asturoccidental-leonesa (MATTE, 1968), que se extende por Asturias, León e a Galicia oriental . En Galicia ten o seu límite occidental na formación Ollo de Sapo, unha estructura de rochas metamórficas de alto grau (fundamentalmente gneises) en forma de arco que ten a sua ubicación xeográfica casi coincidindo co límite das provincias da Coruña e Lugo á altura do Cantábrico.

    Os materiais que aparecen na Fonsagrada son os supervivintes aos procesos erosivos de desmantelamento da cordilleira citada e foron depositados en forma de sedimentos entre os períodos Cámbrico e Carbonífero da Era Paleozoica para sofrir posteriormente os procesos de metamorfismo que os convertiron nas rochas que podemos observar na actualidade, que podemos observar cando nolo permiten os recobrimentos de sedimentos cuaternarios e os materiais edáficos.

    Istas rochas metamórficas están constituidas fundamentalmente por pizarras de diversos tipos (pizarras verdes con Trilobites, pizarras negras con níveis ferruxinosos,..), por cuarcitas e areiscas intercaladas en series de potencia moi diversa, e tamén, merecendo ser destacada a sua presencia dada a sua rareza en Galicia, rochas calizas. En conxunto os expertos (IGME 1978, 1979) distinguen cinco formacións diferentes, todas pertencentes ao Paleozoico inferior, que de máis antiga a máis recente son as seguintes: Caliza de Vegadeo, Serie dos Cabos, Pizarras de Luarca, Formación Agüeira, e Pizarras e Ampelitas Silúricas.

    A caliza de Vegadeo é a formación que contén as rochas máis antigas da Fonsagrada. Afloran istas rochas en duas franxas de dirección NNO-SSL, constituindo o núcleo de dous plegues anticlinais, que aparece de forma discontinua en función do nível de erosión e dos cabeceos dos eixos dos pregues. Nos lugares onde aflora a paisaxe ten o aspecto de longos vales (Póboa de Burón, Cuiñas, Logares,...) debido á facilidade de meteorización destas calías así como das pizarras que se lle superpoñen. De feito, a facilidade de alteración destas rochas fai que sexa prácticamente imposible observar materiais frescos. O seu estudo nas zonas de afloramento permite distinguir tres membros distintos, dos cais so dous poden ser distinguidos na Fonsagrada, un constituido por calizas brancas e grises as veces intercaladas en capas moi delgadas, moi marmorizadas debido ao metamorfismo, e o outro por calizas e calcoxistos. Merece destacarse a presencia de Arqueociátidos como fóseis acompañantes, un grupo biológico característico do Paleozoico inferior actualmente extinguido. A idade atribuida a istas rochas é o Cámbrico Inferior e o Cámbrico Medio.

    Ao occidente das calizas situanse os materiais que forman a chamada Serie dos Cabos, compostos por pizarras verdes con Trilobites, areiscas e cuarcitas con intercalacións de pizarras. Correspóndense con depositos orixinados en meios mariños someros (intermareais, lagoares, barras de area,…) de idades comprendidas entre o Cámbrico Medio e o Ordovícico Superior e que sofriron o metamorfismo asociado á oroxenia hercínica. Sobre istes materiais situanse as pizarras negras denominadas Pizarras de Luarca, unha formación constituida por pizarras negras homoxéneas ricas en pirita, e que representan un nível de referencia moi destacado no releve, cunha idade atribuida ao Ordovícico Medio.

    Por encima das pizarras de Luarca (no sentido estratigráfico) situase unha potente sucesión de cuarcitas, siltitas, pizarras e areiscas con facies turbidíticas que se corresponden coa Formación Agüieira e que se encontran ocupando amplas estructuras sinclinais. As estructuras sedimentarias das areiscas permiten observar fenómenos como a graoselección, laminación paralela ou laminación entrecruzada. Por riba destas materiais podemos atopar ampelitas e pizarras do Silúrico, con gran número de xacementos fosilíferos de Graptolites. Sobre os terreos antes citados situanse unha serie de afloramentos de materiais detríticos groseiros formados por conglomerados e brechas de idade Carbonífera que nos seus níveis basais presentan unhos tonos abermellados característicos.

    Desde o ponto de vista estructural, todas istas rochas sufriron deformación e metamorfismo durante a oroxénia hercínica (non, evidentemente, os sedimentos cuaternarios), procesos que deron lugar ás actuais estructura, que presentan unha dirección NNO-SSL lixeiramente inflexionada en forma de arco que aponta ao oeste. Son estructuras de gran extensión superficial que incluen dous sistemas de plegues maiores, unha serie de fallas e algúns plegues menores transversais ás estructuras citadas.Mención especial merece a presencia de grandes cabalgamentos, que permiten diferenciar duas partes perfectamente diferncidas desde o ponto de vista xeolóxico, o Dominio do Navia e alto Sil, e o Dominio do Manto de Mondoñedo (IGME, 1979).

    Mención aparte merecen os depósitos cuaternarios, compostos por depósitos aluviais asociados aos cauces dos rios, por derrubios e coluvións de ladeira, xeralmente asociados á meteorización das cuarcitas cando istas se atopan en cotas elevadas e zonas de relevo acusado, e por outros materiais indiferenciados.  


XEOLOXÍA ECONÓMICA

    Ainda que desde o ponto de vista litolóxico os materiais existentes non son os idóneos para o almacenamento de auga, as características estructurais, coa presencia de xistosidade e unha ampla rede de diaclasas e fracturas, facilitan a existencia de amplos espacios para a acumulación e a circulación das augas, tanto máis abondosas canto máis fracturada se atope a zona. Ista característica, unida ao copioso das precipitacións, da lugar á aparición de numerosos manantiais. Exemplos moi significativos poden atoparse ao longo do cabalgamento basal do Manto de Mondoñedo. Algunhas pequenas chairas aluviais como a de Logares permiten a captación de augas de tipo subalveo. Tamén aparecen manantiais de forma estacional e intermitente, en relación coa meteorología, existen mananciais nas zonas elevadas achairadas. Por outra banda, poderíase esperar unha presencia importante de recursos hídricos asociados ás calizas, especialmente tendo en conta que se encontran carstificadas, pero isa esperanza queda limitada pola moi escasa envergadura e pola discontinuidade na presencia destas rochas.

    As mineralizacións existentes na zona son de Pb-Zn asociadas á Caliza de Vegadeo, e de Pb-Zn-Fe asociadas ás outras formacións existentes no territorio. Polo que fai ás bandas calcáreas da Caliza de Vegadeo non demostraron ter importancia debido á sua escasa presencia cartográfica. En canto ás mineralizacións de Pb-Zn-Fe, están constituidas por filóns de blenda, galena e magnetita acompañados, según os lugares, por cuarzo, pirita, calcopirita, pirrotina, goethita e outros óxidos de ferro. Ainda que se realizaron varias calicatas e existeu algunha pequena explotación, semellan non ter suficiente envergadura para xustificar unha explotación industrial. Tamén existen indicios de outras mineralizacións, de cobre, manganeso, ouro,…ainda que non aparentan interese comercial. Na zona tamén ten presencia o carbón, particularmente antracita, e exemplos de caolinización, ainda que non semella que teñan interese como recursos explotables. Maior importancia presentan as rochas industriais, constituidas por pizarras, cuarcitas, calizas e materiais recentes. Entre as pizarras teñen especial interese as da Formación Luarca pola sua dureza, facilidade de explotación de imperabilidade, ainda que tamén son explotadas outras como as da Serie dos Cabos a pesar da sua peor calidade. As cuarcitas proporcionan materiais para a construcción, como áridos e zahorra, ou como lousas e bloques. A caliza utilizouse antigamente para a fabricación de cal para morteiro, quedando restos desta actividade nas construccións e na toponímia. Tamén existen areas e gravas con utilidade como áridos.

Un dos tipos de rocha máis frecuente na Fonsagrada, son as cuarzitas Paleozoicas.

As calizas representan unha das formación xeolóxicas máis raras e interesantes.


XEOMORFOLOXÍA

  A Fonsagrada e un concello de relevo moi accidentado, polo que abundan as paisaxes de fortes pendentes e acusados contrastes altitudinais entre as zonas de val e as cotas máis elevadas, que chegan a alcanzar os 1201 m. Aparece regado por dous ríos: o Rodil e o Navia.

    Dadas as características da montaña, é natural que dende calquera dos seus cumes sexa posíbel gozar das vistas máis pintorescas e de inigualábeis panorámicas. Configúrase así como un dos concellos máis fermosos de Galiza, onde os deportes e as actividades ao aire libre atopan aquí un marco idóneo.

Mapa Hipsométrico de A Fonsagrada (Lugo)

    O territorio da Fonsagrada constitue unha plataforma de terras altas fracturada en bloques dispostos como escalóns a diferente altitude e diseccionada por unha mesta rede fluvial profundamente encaixada. O nível topográfico superior da plataforma sitúase por riba dos 1.100 metros, ainda que a maioria das terras fonsagradinas están situadas en escalón aplanados entre os 800 e os 600 metros de altitude. Por debaixo diste nível topográfico, a disección fluvial condiciona unha paisaxe onde as fortes pendentes son o elemento dominante.

    As terras altas que conforman o territorio da Fonsagrada son a continuación cara ao norte da Serra dos Ancares e demáis serras do oriente galego, e constituen un ponto de conexión coas paisaxes montañosas e os espacios de altísimo valor natural da Asturias occidental. Por tanto, A Fonsagrada sitúase no borde occidental da cordilleira cantábrica formando parte dun conxunto de terras altas que, desde o sul-occidente asturiano se continua pola Galicia oriental e sudoriental ate o norte de Portugal formando un sistema moi fracturado de altiplanicies e serras intercaladas con encaixamentos e zonas deprimidas que xeneran unha paisaxe quebrada na que son frecuentes os grandes desníveis. No contexto galego, a Fonsagrada forma parte do extremo norte das chamadas Serras Orientais, un sistema de penichaos, crestas e terras altas, cruzadas por profundos barrancos fluviais, que define o límite de Galicia coa meseta castellana e que ten os seus elementos xeográficos máis representativos ao sul do termo municipal en terras de Cervantes na serra dos Ancares e, ainda máis ao sul, na serra do Caurel.

Plano Isométrico

    As serras orientais son un dos teitos altitudinais de Galicia, con cumes que superan os 2000 metros, ainda que a altitude das terras da Fonsagrada é claramente inferior, no ámbito dos 1200 m., constituindo por tanto un nível altitudinal degradado respecto ao nível de cumes. O que máis resalta na Fonsagrada non é a topografía recortada dos cumes das serras, senón o escalonamento de planuras diseccionadas pola rede hidrográfica que xenera como resultado fortes pendentes, notables barrancos e unha sensación xeralizada de encaixonamento fluvial. As terras fonsagradinas están constituidas por unha serie de bloques xeolóxicos nos que os maiores resaltes coinciden con frecuencia con materiais resistentes á erosión. Poucas terras superan os 1000 metros de altitude e por debaixo deste nível é posible distinguir unha serie de superficies degradadas que se situan entre os 1000 e os 800 metros e outro nível ainda máis extenso entre os 800 e os 600 metros. Por debaixo destas alitudes, é o encaixonamento das redes fluviais o que anima a paisaxe producindo nalgúns casos barrancos espectaculares.

    Desde un ponto de vista interpretativo, ista paisaxe sería o resultado da erosión da antiga cordilleira hercínica formada no Paleozoico Superior e que sufreu ao longo de centos de millóns de anos un proceso de arrasamento erosivo que a convertiu nun penichao que, na reactivación estructural producida no Terciario asociada á dinámica da placa ibérica e os seus contactos estructurais no fondo oceánico, provocou a reactivación dos antigos sistemas de fracturas hercínicas e a aparición de outros novos, orixinando dinámicas de bloques levantados e afundidos e procesos de profundo encaixamento fluvial. A actividade estructural explicaría a existencia de terras altas, das cales as Serras orientais son a maior expresión e das que forma parte a Fonsagrada, e explicaria asimismo as depresións interiores de Galicia e tamén os afundimentos costeiros, tanto da costa atlántica como da cantábrica que, á sua vez, axudan á entender a dinámica de erosión remontante dos rios e o profundo encaixamento da rede fluvial en moitos dos seus tramos. Todas istas formas foron posteriormente afectadas polos cámbios climáticos cuaternarios, que implicaron a existencia de procesos localizados de glaciarismo nas serras máis altas, e fenómenos de periglaciarismo moito máis espallados (Vidal Romaní, ).

Mapa de Pendientes de A Fonsagrada (Lugo)

Plano de pendientes

    En calquer caso, desde unha perspectiva descriptiva, a Fonsagrada caracterízase por unha paisaxe de cumes achairados nos que se encaixa a rede fluvial. As serras se elevan ate os 1203 m. das Pedras Apañadas, no linde onde o término municipal conflue con Negueira de Muñiz e Grandas de Salime, mentras os rios, pertencentes ás bacias do Navia e do Eo, se encaixan profundamente a 300 m. de altitude sobre o nível do mar, o que supón desníveis totais de casi 900 m. A encaixonada rede fluvial, define as zonas de maiores pendentes.

Mapa de Montes de A Fonsagrada (Lugo)

    O principal sistema de serras se situa na parte central do municipio, a xeito de cinturón que o percorre en dirección Leste-Oeste. Ao oeste sitúanse a Serra do Muradal (1111 m.) e a Serra do Hospital (1107 m.), no centro do municipio a Serra de Follabal, de menor altitude, con cumes que non superan os mil metros, mentras que no centroleste do municipio, cara á cofluencia don Asturias, situanse as altitudes maiores da Serra de Liñares, o Monte dos Vales e as Pedras Apañadas que, con 1203 m. constitue a maior altitude do termo municipal. Todas as serras citadas fan tamén de divisoria de augas entre os sistemas fluviais do Eo e do Navia. Mentres o primeiro drena a parte noroccidental do municipio, ao norte do cinturón de serras sinalado, o Navia drena o sul e a parte occidental da Fonsagrada. As outras altitudes salientables situanse ao norte do municipio, onde fan de linde co concello da Pontenova e cos concejos asturianos de Taramundi e Santa Eulalia de Oscos e que teñen algún dos pontos culminantes no Coto de Frades (950 m.) e A Sendiña (831 m.). Tamén no extremo sul do municipio, cumes por riba dos 900 m., que teñen a sua culminación nos 1013 m. do Restelo, marcan o linde co concello de Navia de Suarna.

    Como sinalábamos anteriormente, os maiores desníveis e as maiores pendentes situanse no contorno da rede fluvial que constitue un sistema de drenaxe profundamente encaixonado. Estas pendentes dificultan os usos productivos do territorio ate imposibilitalos en moitos casos. So os usos forestais non intensivos teñen sentido nestes casos. Por outra banda, é nestes tramos onde se encontran moitos dos hábitats naturais mellor conservados do municipio.

    O aspecto máis característico da xeomorfoloxía do concello é o constituído por terras altas aplanadas nas que se encaixa a rede fluvial.

Plano de montes

Montes: Coto Frades (961 m.); Nicolao (918 m.); O Caramelo (905 m.); Chao do Caramelo (890 m.); Acebeira (865 m.); Campoforcado (831 m.); Campo Sueiro (828 m.).

Serras: (Publicado por GABRIEL PACIN LOPEZ en http://veigadelogares.blogspot.com

Serra do Corno do Cervo
Con orientación NE-SO, situada no concello da Fonsagrada, e rodeada polos profundos vales do río Rodil e os seus afluentes. O punto máis alto é a Cruz do Pito, con 849 mts. As abas que dan ao río Rodil están ocupadas por carballeiras moi ben conservadas que forman parte do espazo Carballido. Accédese desde a Ribeira de Piquín ou desde A Fonsagrada

Serra do Muradal
Con dirección NE-SO, unida á do Hospital polo Norte. Está formada por louxas, xistos e cuarcitas. O Punto máis alto é o Muradal, con 1108 mts. Accédese desde a estrada Lugo-A Fonsagrada, no alto da serra do Hospital, pola desviación que vai a Ribeira de Piquín

Serra do Hospital
Situada entre Baleira e A Fonsagrada, con orientación SO-NE. As rochas dominantes son lousas e xistos e, nos cumes, cristal de curcita. As máximas alturas son o Pico do Hospital e o Laogaseca, ambos con 1.108 mts. Os ríos da vertente norte van á conca do Rodil (Eo) eos do sur á do Navia.
Accédese pola esrada de Baleira a Fonsagrada que segue o trazado da serra, Para subir ao cume vaise pola desviación que vai a Ribeira de Piquin desde o alto da serra do Hospital

Serra de Follabal
Esténdese entre A Fonsagrada e Asturias, con orientación SO-NE. Está formada por lousas e cuarcitas.
A máxima altura está en Pedras Apañadas con 1.203 mts
Accédese pola estrada de Fonsagrada a Asturias e Negueira de Muñiz


SOLOS

Os solos fórmanse pola degradación da rocha que constitúe o sustrato xeolóxico, e polo tanto son de importancia primordial, e sobre todo no caso da Fonsagrada, as elevadas pendentes e os fortes procesos erosivos, posto que constitúen un factor determinante no grado de desenrolo dos solos.

Polo que fai referencia aos procesos de edafoxénese, os máis importantes son a alteración dos materiais xeolóxicos, a transformación dos materiais orgánicos, a erosión, a ganancia e perda de elementos en relación co ciclo da auga, e os procesos de transformación e transferencia intraedáfica. Entre istes últimos podemos sinalar, como máis relevantes, a acidificación, a andosolización, a gleificación, a arxiluviación e a podsolización. Unha explicación de en qué consisten istes procesos e as súas implicacións para as procpiedades dos solos pode obterse nos manuais de edafoloxía ou en traballos que acometen a descrición dos solos galegos.

O resultado dos factores e procesos de formación é a diferenciación no solo duna serie de capas paralelas á superficie coñecidas como horizontes, que constitúen o chamado perfil do solo, e dos cales os máis importantes son os horizontes A, B e C, letras que indican o horizonte superficial orgánico (A), un horizonte de acumulación, que recolle os productos da transformación e lavado do horizonte superior (B) e un horizonte de alteración (C), que se sitúa por riba da rocha fresca ou do material orixinal (R). Os tres horizontes non teñen que estar necesariamente presentes e, de feito,con frecuencia non o están, particularmente nas zonas de fortes pendentes, permitindo distinguir secuencias ou catenas de solos desde as zonas de mayor pendente ata o fondo do val ou ata as zonas de aplanamento. Nas zonas de mayor pendente, cando existe capa edáfica que recubra á rocha fresca, os solos adoitan ser moi delgados, mentras o espesor vai aumentando ao reducirse a pendente e aumentan, por acumulación dos productos erosionados procedentes das partes máis elevadas das ladeiras, nas zonas de rotura de pendente, achairadas ou no fondo dos vales. A secuencia permite distinguir uns tipos de solos coñecidos como Leptosolos (os máis delgados), Regosolos (de espesor intermedio) e Cambisolos (máis profundos e evolucionados). Ademáis desta secuencia característica, existen na Fonsagrada outros tipos de solos aos que tamén se fará referencia.

Como sinalabamos, o principal factor para explicar as tipoloxías dos solos na Fonsagrada é o material de partida, Distinguiremos neste sentido os solos sobre pizarras, solos sobre rochas cuarcíticas, solos sobre calizas e outros tipos.

  1. Solos sobre pizarras: As pizarras son as rochas que máis abundan no termo municipal. Tenden a romper en pequenos fragmentos que son fácilmente arrastrados polas ladeiras. A meteorización química é menos intensa porque, ao tratarse de rochas de baixo grao de metamorfismo, na súa composición abondan os minerais que son estables nas condicións ambientais. Nas zonas próximas aos cumes ou onde a pendente é forte os solos son deslgados, ácidos e pouco fértiles, polo que presentan moitas limitacións desde o punto de vista productivo. Nas partes medias e baixas das ladeiras poden acumularse materiais resultantes do arrastre ladeira abaixo, constituíndo horizontes caóticos de espesor diverso cun perfil AC. Nos casos en que se observa unha evolución edáfica mairo, aparecendo un horizonte de acumulación estaremos ante Cambisolos. Presentan moitas limitacións productivas asociadas á acidez, á carencia de quilibrio textural, e á presencia do ión aluminio na solución do solo, dada a toxicidade que este elemento presenta para as plantas.
  2. Solos sobre rochas cuarcíticas: O material de partida inclúe cuarcitas e areíscas. O proceso inica¡cial de meteorización destas rochas é fundamentalmente de tipo mecánico, por fragmentación dos amteriais polo que os solos máis profundos se sitúan nas zonas de acumulación. As areíscas presentan en xeral unha laterabilidade física superior á das curacitas, polo que xeneran solos máis profundos e con horizontes máis diferenciados. Tanto as cuarcitas como as areíscas son rochas que teñen moi poucos minerais alterables e o pH acedo, a textura areosa, o baixo contido en aluminio e ferro e a presencia de sustancias orgánicas complexentes dan como resultado a destrucción das arxilas e a movilización dos complexos organo-metálicos dos niveis superiores para acumularse en profundidade, procesos relacionados coa podsolización. Cando este proceso ten lugar, o resultado son solso moi característicos e con fortes limitacións químicas no que seu potencial productivo. A secuencia de slos sobre cuarcitas e areíscas é similar á descrita para as pizarras.
  3. Solos sobre rochas calizas: As calizas locais son rochas duras que condicionan paisaxes abruptas nas que o desenvolemento edáfico pleno só se produce en enclaves localizados onde a disposición topográfica facilita os procesos de acumulación e dificulta a erosión. Sobre as caliza s se forma un tipo peculiar de solos, definidos como phaeozems. Cando os horizontes están ben desenvolvidos, os solos son ricos en materiais arxilosos e presentan tonos pardos ou avermellados intensos pola liberación de óxidos de ferro. O pH é máis alto que nos solos orixinados sobre os outros materiais e os solos son máis fértiles. Sen embargo, nas zonas de pendente os solos son delgados, cun único horizonte A sobre o nivel calcáreo, que se atopa ademáis  moi descarbonatado. Nas zonas onde a pendente se reduce aumenta o espesor da capa edáfica e o contido de carbonatos adoita ser superior.
  4.  Outros tipos de solos: Ademáis das catenas de solos sinaladas, podemos atopar       outros tipos de solos en localizacións determinadas. Así, a acumulación de auga nos horizontes edáficos, de forma estacional ou permanente, dá lugar a procesos de gleificación, que serán máis ou menos intensos según o grao de asolagamentos. Os solos caracterízanse por presentar horizontes con tons gris azulado que reflexan condicións de reducción, é dicir, de carencia de osíxeno. Este tipo de solos pode aparecer sobre calquera dos tipos de material xolóxico de partida anteriormente sinalados, porque o seu condicionante é o nivel freático. Esí como un asolagamento permanente supón un serio condicionanate para os usos agrarios, os solos con hidromorfía só parcial son unha boa alternativa para os prados de sega. En lugares onde a hidromorfía é permantes, pódense producir ambientes moi acedos, con a cumulación de materia orgánica en condicións de difícil descomposición e humificación, o que dá lugar á formación de queirugais moi húmidos e de turbeiras, formacións vexetais ás que corresponde un tipo de solo con alto contido e espesor de materia orgánica. Son os histosoles.
  5. Outros solos presentes na Fonsagrada, aínda que ocupando unha extensión superficial limitada son os Fluvisoles e os solos antrópicos. Os primeiros sitúanse sobre os depósitos aluviais das canles de inundación dos ríos. De espesores máis ou menos profundos, presentan textura, mineralogía e contido en materia orgánica variables, sen que apareza unha diferenciación clara dos horizontes. Dada a súa disposición topográfica, non presentan problemas de sequía, polo que son explotados desde antigo para prados e hortas. Por fin, unha tipoloxía de solo que debe de ser sinalada é aquila que é producto duna intervención humana destinada a cambiar notablemente as características edáficas e que no noso caso está constituída polos terreos abancalados, é dicir, os aterrazamentos feitos para eliminar ou mitigar a pendente do terreo e facilitar así o cultivo, evitando ó mesmo tempo a erosión. Estes solos están limitados a algúns dos aplanamentos onde se sitúan os lugares habitados de forma que, no pasado, se posibilitou a superficie cultivable.

Distribución municipal de usos de solo (2004)

Superficie concello: 42.000 Has
Forestal total: 33.270 Has
Forestal desarborizado: 8.754 Has
Forestal arborizado: 24.516 Has
Forestal arborizado / Forestal total: 0,74 Has
SAU: 8.730 Has
SAU/SUP total: 0,21 Has


APTITUDE AGRARIA DOS SOLOS DA FONSAGRADA


A descripción previa dos solos da Fonsagrada permite concluir que, en xeral, son moi pouco favorables para a práctica agrícola. A maioria dos solos están moi pouco desenvolvimos, ofrecendo por tanto limitacións en canto a espacio disponible para o enraizamento, o almacenamento de auga ou a captación de nutrintes. Desde o ponto da fertilidade, son en xeral solos ácidos e pobres en nutrintes, coa excepción dos solos máis evolucionados e profundos sobre calizas, que ocupan unha extensión superficial moi reducida. A istes factores hai que engadir a existencia xeralizada de fortes pendentes, que dificulta ou impide o laboreo e facilita os procesos de erosión e perda de solo. O clima da Fonsagrada, ao tratarse dun clima de altitude, vai influir sobre a duración do período vexetativo e sobre os dias libres de risco de xiadas (menos de 160 días ao ano), influindo, polo tanto, na viabilidade e no tipo de cultivos posibles.
A avaliación de recursos agrarios para A Fonsagrada editada polo Ministerio de Agricultura en 1980, que inclue o mapa de clases agrolóxicas a escada 1 : 50.000 incide e corrobora os mesmos criterios. Defínense oito clases agrolóxicas, seguindo criterios adaptados do Servicio de Conservación de Solos do Departamento de Agricultura dos EEUU, das cales a clase I inclue aos solos de cualidades óptimas para a agricultura e a clase VIII aos non productivos, mentres que as clases II, III e IV permiten a práctica agrícola pero con limitacións crecentes. As clases Ve VI incluen solos considerados non cultivables debendo sustentar unha vegetación permanente sexa herbácea (pastizais) ou arbórea, mentres que a clase VII, presenta unhas limitacións de pendente e escasez de solo suficintes como para recomedar que teñan cuberta arbórea permanente e non sexan sometidos a labores selvícolas intensivas. So a clase VII ocupa máis das tres cuartas partes do territorio, mentres os terreos de vocación agrícola móvense arredor do 5% do total.

Os histosoles son uns solos de distribución moi restrinxida nas brañas do alto das serras.

Montes veciñales en mao común


MINERAIS

Minerais: Cloritoide, Esfalerita, Galena, Pirolusita, Siderita



www.fonsaweb.com